vendredi 1 août 2008

Traza de inverno

(1)
partir dentro das aves
pra Olga Novo

Cando home
miña aboa non me enchía a cabeza con contos
nunca ouvín os berros últimos dos homes levar o cocho
do cortello ao sótano
comía nas frebas
e toda esa carne penduraba da placa
entre vigas armadas nos bloques de cemento
con todo ese ar lambéndolle nos ósos.
Foi un tempo salado
de artesas cheas
ou baldes de plástico azul
refuxios de inverno.

Cando home?
denantes de me tocar os dous pares de ás,
logo partín dentro de aves
e ao caer ían en min os xestos
polas dúas polos claros
que son todos os amantes
perdendo amores cando homes.

vendredi 11 janvier 2008

DO.OR

(2)

Fago na cidade un número reducido
unha habitación e un home.
O piso é de parquet
de táboas longas
moi de pino
dos montes onde andan os acordos
entre toxos
e logo baixan indefinidos.

Fago tamén unha luz de días
bater nun anaco do calzado
sendo esa parte do coiro
canto verde
cando a man cose nas bestas mortas para ser
tecido da pel dese home
inscrito e de baile nesa habitación
onde xa postos,
fago que non haxa nadie para acreditar o disimulo,
que o antroido é para el se descoñecer
ou non ler nada na pedra
porque se o home sabe finxe
estar feito de calquer pedra.
A saber dúas clases :
as que removen no visto
e as que se perden en si mesmas,
olladas
das terras do fascínio
e só das leis do desexo :
acordo de onde o sol se puxo.

Desfrutade en chegar o confín
onde nada ha de haber por vir
e toda unha parte do mundo
calle no sangue.
Aproveitade
da dor
a súa función cristalina.