vendredi 11 janvier 2008

DO.OR

(2)

Fago na cidade un número reducido
unha habitación e un home.
O piso é de parquet
de táboas longas
moi de pino
dos montes onde andan os acordos
entre toxos
e logo baixan indefinidos.

Fago tamén unha luz de días
bater nun anaco do calzado
sendo esa parte do coiro
canto verde
cando a man cose nas bestas mortas para ser
tecido da pel dese home
inscrito e de baile nesa habitación
onde xa postos,
fago que non haxa nadie para acreditar o disimulo,
que o antroido é para el se descoñecer
ou non ler nada na pedra
porque se o home sabe finxe
estar feito de calquer pedra.
A saber dúas clases :
as que removen no visto
e as que se perden en si mesmas,
olladas
das terras do fascínio
e só das leis do desexo :
acordo de onde o sol se puxo.

Desfrutade en chegar o confín
onde nada ha de haber por vir
e toda unha parte do mundo
calle no sangue.
Aproveitade
da dor
a súa función cristalina.